Thursday 09 de May de 2024

“Francisco Ibáñez, el mago del humor” amosarase no Museo do Humor de Fene do 27 de novembro ao 30 xaneiro de 2016


A MOSTRA INAUGÚRASE ESTE VENRES ÁS 20 HORAS CON PRESENZA DUNHA DAS COMISARIAS DA EXPOSICIÓN

Francisco Ibáñez (Barcelona, 1936) é o creador, debuxante e guionista dos personaxes máis populares do tebeo español. Cunha traxectoria alimentada por máis de cincuenta anos de traballo, é o pai de Mortadelo e Filemón, El Botones Sacarino ou Pepe Gotera y Otilio. A exposición Francisco Ibáñez, el mago del humor, que se poderá ver no Museo do Humor de Fene durante os meses de decembro e xaneiro de 2016, efectúa unha aproximación á biografía do ilustre debuxante e á xénese das súas principais obras e personaxes.
A mostra inaugúrase este venres, 27 de novembro, ás 20 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. Asistirán o alcalde, Juventino Trigo, a concelleria de Cultura e Ensino, Amalia García, e unha das comisarias da mostra, Elena Vergara. Todas as persoas que asistan á inauguración recibirán chapas conmemorativas, elaboradas por usuarios/as do centro ocupacional de Aspaneps de Fene. Ao remate do acto inaugural, realizarase unha visita guiada a cargo da comisaria da exposición.
Francisco Ibáñez, el Mago del Humor reúne máis de cen revistas publicadas dende os anos cincuenta ata a actualidade, unha ampla compilación de artigos de merchandaising e unha serie de debuxos orixinais que conforman o núcleo desta exposición. A mostra repasa, así mesmo, o vencello do debuxante catalán coas editoriais nas que desenvolveu o seu traballo, o devir da súa técnica e estilo, ou o contexto no que as súas historietas foron xestadas. Toda unha oportunidade para reencontrarse con antigos amigos de papel ou para adentrarse nas profundidades deste xenio da ilustración.
Máis información ou solicitude de visitas guiadas para grupos no teléfono 981 34 24 00 (de 8:00 a 14:30 horas) ou no enderezo electrónico museodohumor@gmail.com.